A Deputación ultima os días para que entidades de iniciativa social soliciten as axudas dotadas con medio millón de euros para adquirir ou adaptar vehículos

As axudas, cuxo prazo mantense aberto ata o 5 de marzo, van dos 5.000 euros para traballos de adaptación aos 25.000 euros para a adquisición de vehículos para transporte de usuarios da entidade ou mercancías

26/02/2026

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo xoves 5 de marzo o prazo para que entidades de iniciativa social da provincia soliciten a liña de axudas para adquirir ou adaptar vehículos vinculados ao desenvolvemento da súa actividade. Unha liña de axudas dotada con 500.000 euros e que se convocou por vez primeira este ano co obxectivo de promover a mellora de servizos, actividades e iniciativas no ámbito social e para darlles cobertura ás necesidades das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Este medio millón de euros repartirase en axudas de 25.000 euros para a adquisición de vehículos novos, 15.000 euros para mercar vehículos de segunda man e 5.000 euros para a realización de traballos de adaptación. En calquera caso, o importe máximo da subvención non poderá exceder o 80 % do orzamento.

O uso do vehículo será complementario aos servizos prestados polas entidades, e os servizos ou programas destas deberán ter un carácter estable. A adquisición do vehículo poderá supoñer a implantación ou ampliación do servizo de transporte, de persoas usuarias da entidade ou de alimentos, roupa, mobiliario ou mercancías para repartir entre familias e persoas en situación ou risco de exclusión social, así como para substituír un vehículo deteriorado, alugado ou un servizo subcontratado.