A Deputación ultima os días para visitar no Centro de Interpretación da Telleira, en Sanxenxo, a mostra “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”
A exposición, organizada en colaboración coa Fundación Terra Termarum Castrolandín, de Cuntis, para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano, permanecerá aberta ata o xoves 15 de outubro
07/10/2026
A Deputación de Pontevedra mantén aberta ata o xoves 15 de outubro no Centro de Interpretación da Telleira, en Sanxenxo, a mostra “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”. A mostra, organizada en colaboración coa Fundación Terra Termarum Castrolandín de Cuntis, dá continuidade ao proxecto Trazas de Pontevedra, que naceu co obxectivo de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia a través dunha rede de dezasete xacementos de alto valor histórico e científico.
“A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” trátase dunha exposición para poñer en valor a historia da provincia de Pontevedra, impulsar e protexer o patrimonio arqueolóxico e captar turistas que buscan experiencias ligadas á cultura. Neste eido, a mostra enmárcase na estratexia da Deputación de Pontevedra para diversificar a oferta turística, ofrecendo un produto sostible, de calidade e do que desfrutar os 365 días do ano.
A exposición, que se pode visitar no Centro de Interpretación da Telleira ata o xoves 15 de outubro en horario de 10:00 a 17:00 horas de luns a venres, presenta ata 75 pezas procedentes de castros da provincia. Despois do seu paso por Sanxenxo, “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” chegará ao Museo Torres do Concello de Marín, onde se poderá visitar entre o 30 de outubro e o 30 de novembro. De cara ao ano 2027, está previsto que esta mostra impulsada pola Deputación de Pontevedra chegue aos concellos de Vilagarcía de Arousa, A Guarda e Tui.
