A Deputación financiará integramente as obras de mellora da accesibilidade da rúa Aquilino Iglesia Alvariño cunha achega de 135.000 € do Plan +Provincia
O deputado provincial Javier Tourís anunciou que a axuda será aprobada este venres na Xunta de Goberno e terá como finalidade renovar tanto a plataforma como os servizos
16/06/2026
O deputado provincial Javier Tourís visitou este martes Vilagarcía de Arousa, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente as obras de mellora da accesibilidade da rúa Aquilino Iglesia Alvariño. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 135.000 euros para sufragar esta actuación, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Vilagarcía de Arousa máis de 2,6 millóns de euros, sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027 á que este ano se pode acceder anticipadamente.
O deputado provincial sinalou que a través destas obras se renovarán tanto as pavimentacións como a propia vía, ademais de renovarse os servizos. A actuación, no barrio dos Duráns, abrangue unha dimensión de 726 m2. Aumentarase o ancho da vía para mellorar a interacción entre peóns e vehículos, reordenaranse os espazos para dotalos de maior accesibilidade e funcionalidade, daráselle continuidade ás beirarrúas xa existentes e actuarase na totalidade das redes de servizos. En canto á de abastecemento de auga, substituirase por unha rede xeral de PVC de 90 mm de diámetro, mentres que na de saneamento e pluviais revisarase na túa totalidade para cambiar as zonas que se atopen deterioradas. Soterrarase a liña eléctrica, a canalización da iluminación pública e as telecomunicacións, e substituiranse as luminarias por LED eficientes que garantan boas condicións de iluminación. Por último, no apartado de mobiliario urbano, dotarase de bancos.
Javier Tourís puxo en valor que cos recursos provinciais “deste Plan +Provincia, o máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra cunha dotación orzamentaria de 85 millóns de euros, permitimos que os concellos fagan realidade os proxectos que polas súas limitacións orzamentarias non poden facer realidade”. O deputado provincial sinalou que a Deputación é “a máxima aliada dos concellos desta provincia”, xa que os seus plans tanto ordinarios como extraordinarios “permiten que teñan total autonomía para decidir a que dedican os seus recursos, e que eses proxectos financiados se correspondan coas verdadeiras necesidades da súa cidadanía”, asegurou.
