A Deputación aproba 63.000 € para o núcleo rural da Costa, en Agolada e 85.000 € euros para o edificio sociocultural do Castro, en Dozón

Trátase de fondos do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal

24/07/2026

A Deputación aproba 63.000 € para o núcleo rural da Costa, en Agolada e 85.000 € euros para o edificio sociocultural do Castro, en Dozón

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas achegas por valor de 150.000 euros para Agolada e Dozón no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Agolada contará con 63.000 euros para o acondicionamento do núcleo rural da Costa, e Dozón con 85.000 € euros para subministrar mobiliario e equipamento ao edificio sociocultural do Castro.

Ao detalle, Agolada actuará nun número de rúas no núcleo da Costa que se atopan na actualidade deterioradas debido ao paso do tempo e ás cargas derivadas do tráfico. Como solución mellorarase a rede viaria, para o que será necesario a demolición do pavimento actual e a posterior execución dun novo de formigón. Previamente, realizaranse as operacións de corte e demolición do pavimento existente, o desmonte do terreo, etc., e, á súa vez, proxéctase a execución da rede de saneamento, mediante a apertura de gabias e a colocación de tubaxe enterrada.

Pola súa banda, Dozón empregará os recursos provinciais para subministrar de mobiliario e equipamento auxiliar as diferentes estancias do Centro Sociocultural do Castro, unha vez finalizadas as súas obras de rehabilitación realizadas ao abeiro do Plan PON2030 da Deputación. O equipamento distribúese entre a planta baixa, que inclúe un salón de actos (con estrado, atril e 47 butacas), unha sala de informática e lectura (con 4 postos informáticos, zona de descanso e de traballo) e unha sala polivalente con mesas abatibles e armarios; e a planta semisoto, dotada dun despacho de traballo, un aula de formación para 20 alumnos e unha sala para a Asociación Cultural con mobiliario flexible para actividades deportivas e de almacenamento. Ademais, compleméntase con equipamento auxiliar como estores, vitrina de anuncios, colgadoiros, paraugueiros, papeleiras e estantes.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.

audios