A Deputación pon en marcha o proxecto de humanización da rúa Campo da Feira, en Meaño, con máis de 450.000 euros

Os traballos desenvolveranse na contorna da Casa Consistorial e inclúen tamén a mellora da seguridade viaria, creando una zona de convivencia e recuperando a súa funcionalidade como extensión da Campo da Feira

13/03/2026

A Deputación pon en marcha o proxecto de humanización da rúa Campo da Feira, en Meaño, con máis de 450.000 euros

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para as obras de humanización e mellora da seguridade viaria na rúa Campo da Feira, na contorna da Casa Consistorial de Meaño, cun orzamento de algo máis de 450.000 euros, dos que a Deputación achega o 70%, arredor de 318.000 euros, e o Concello de Meaño os 136.300 restantes correspondentes ao 30% do orzamento total. O obxectivo é levar a cabo unha reorganización desta zona para que recupere a súa funcionalidade como extensión do Campo da Feira, buscando fomentar a convivencia de todos os sistemas de desprazamento e repartindo de maneira equitativa o espazo público.

O proxecto céntrase nun treito de cen metros de lonxitude na EP-9303 que une as localidades de Meaño e Dena, no que presenta un carril de circulación por sentido, bandas de aparcamento en liña e beirarrúas en ambas marxes cuns anchos insuficientes. A intervención buscará construír unha zona de convivencia en plataforma única de prioridade peonil, cunha estética coidada, mobiliario urbano e vexetación. Así mesmo, inclúese no proxecto unha renovación da rede de pluviais, ademais das instalacións de saneamento, rego e a reposición da iluminación.

O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “catro cuestións relacionadas coa modernización e mellora das estradas provinciais, que suman 2,9 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se aprobaron outras relacionadas con estradas provinciais de Tomiño, Gondomar e Baiona e Mos. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.