A Deputación de Pontevedra aproba os proxectos para a instalación de placas solares en 37 concellos da provincia, cun orzamento total de preto de 4 millóns de euros
“O traballo conxunto dos concellos e da Deputación situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións en materia de eficiencia enerxética”, remarcou o presidente Luis López
24/07/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe os cinco proxectos de +Renovables para a instalación e posta en funcionamento de instalacións de enerxía solar fotovoltaica en 37 concellos da provincia cun investimento próximo aos 4 millóns de euros. Destes recursos, 2,7 millóns proveñen do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) e o resto repártese entre a Deputación e os concellos. Neste eido, o presidente provincial, Luis López, remarcou que “o traballo conxunto dos concellos e da Deputación situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións en materia de eficiencia enerxética”.
Luis López subliñou que “seguimos avanzando na construción dunha provincia máis eficiente, impulsando proxectos como estes, que reducen as emisións de CO2 e permiten un aforro estimado anual de preto de 650.000 euros para os concellos”. Neste eido recordou que se trata de cinco proxectos: Concellos +Renovables I e II e Concellos Reto Demográfico +Renovables I, II e III, que beneficiarán a un total de 37 concellos da provincia.
Deste xeito, Concellos +Renovables I está dotado con 760.000 euros e beneficiará a Poio, O Porriño, Mos, Soutomaior, Ponteareas, Tui e Marín; e Concellos +Renovables II, cun orzamento de 651.000 €, centrarase en Cambados, Moaña, Baiona, Nigrán, A Guarda e Vilaboa. Pola súa banda, Concellos Reto Demográfico +Renovables I conta cun orzamento de máis de 845.000 euros para Pazos de Borbén, Cerdedo Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Crecente, Vilanova de Arousa, Arbo e Valga; Concellos Reto Demográfico +Renovables II con 944.000 euros para Moraña, Portas, Ribadumia, Covelo, Vila de Cruces, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, O Campo Lameiro e As Neves; e Concellos Reto Demográfico +Renovables III con 761.000 euros para Mondariz, Mondariz Balneario, Silleda, A Caniza, Dozón, Bueu e Sanxenxo.
