A Deputación aproba o convenio co Concello de Cerdedo-Cotobade para financiar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas
26/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación do convenio entre a institución provincial e o Concello de Cerdedo-Cotobade para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas. A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ao acordo, cun orzamento total de preto de 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación asumirá o 70% (910.000 euros) e o Concello de Cerdedo-Cotobade o 30% restante (preto de 390.000 euros).
As obras proxectadas na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas afectan un treito de 365 metros co obxectivo de reestruturar o espazo público de cara a mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria, solucionando os problemas de inseguridade que provocan o tránsito peonil no núcleo de Burela sen áreas reservadas a este fin. A solución será unha plataforma única de lastros de pedra con prioridade peonil, delimitando claramente a circulación do tráfico rodado e o peonil cun itinerario seguro e cómodo para vehículos e peóns.
Tamén se crearán varias zonas de estancia e punto de encontro, disporanse zonas axardinadas, instalaranse novas marquesiñas e executarase un novo aparcadoiro na Casa da Cultura. Ademais, as obras tamén contemplan a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais e a mellora de servizos como o de electricidade e as telecomunicacións (soterraranse ambas as dúas redes), ademais da execución dunha nova rede de alumeado público con luminarias LED de deseño.
3,1 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
As obras na EP-0407 forman parte dun paquete de medidas aprobadas este venres na Xunta de Goberno por un valor total de 3,1 millóns de euros, no que tamén se aprobaron os convenios de colaboración cos concellos de Sanxenxo e Valga para impulsar proxectos transformadores na EP-9206 Portonovo-Vichona e na Rúa do Río, e na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño, respectivamente.
