A Deputación aproba o convenio co Concello de Valga para financiar o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-8502 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño
Luis López sinalou que o proxecto ten un orzamento de preto de 900.000 euros dos que a Deputación asume o 80%, cunha achega superior aos 700.000 euros
26/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación do convenio entre a institución provincial e o Concello de Valga para executar o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño. A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ao acordo, cun orzamento total de 887.000 euros, dos que a Deputación asumirá o 80% (709.000 euros) e o Concello de Valga o 20% restante (177.000 euros).
Na EP-8502 Valga-Baño executarase unha senda peonil nun treito de 240 metros e dúas zonas de convivencia onde non se poida segregar os tráficos. A actuación permitirá crear un novo espazo peonil seguro e continuo nunha contorna moi sensible polos equipamentos públicos existentes neste treito, que provocan múltiples desprazamentos a pé. Tamén se renovarán a capa de rodaxe e a recollida de augas pluviais de todo o ámbito, executaranse pasos sobreelevados e melloraranse os servizos co soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e mais a renovación do alumeado público con LED de alto rendemento. Por último na EP-8502, reordenarase unha pequena intersección perigosa coa creación de dúas glorietas e beirarrúas que permitirán o acceso seguro a pé ao centro de Educación Infantil e Primaria e á gardería pública.
Pola outra banda, as obras na EP-8501 Valga-Os Martores afectan un treito de 110 metros e consistirán nunha actuación de mellora da mobilidade peonil na contorna do centro social de Valga, mediante a execución de beirarrúas nas dúas marxes, o acondicionamento de zonas axardinadas e a creación de zonas de estacionamento.
3,1 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
As obras na EP-8501 e a EP-8502 forman parte dun paquete de medidas aprobadas este venres na Xunta de Goberno por un valor total de 3,1 millóns de euros, no que tamén se aprobaron os convenios de colaboración cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Sanxenxo para impulsar proxectos transformadores na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas e na EP-9206 Portonovo-Vichona e a Rúa do Río, respectivamente.
