A Deputación impulsa con 55.000 euros anuais o Proxecto Natura XXIII da Fundación Juan XXIII no parque forestal de Castiñeiras

Con este convenio favorécese o emprego de persoas con discapacidade para realizar labores de mantemento e plantación de árbores e créase un Plan Director xunto á Estación Fitopatolóxica Areeiro para a asesoría técnica a nivel ambiental en futuras actuacións

12/03/2026

A Deputación impulsa con 55.000 euros anuais o Proxecto Natura XXIII da Fundación Juan XXIII no parque forestal de Castiñeiras

A Deputación impulsa con 55.000 euros anuais o Proxecto Natura XXIII da Fundación Juan XXIII no parque forestal de Castiñeiras a través dun convenio asinado co obxectivo de crear emprego de carácter social en actividades medioambientais. A deputada María Ramallo visitou o Lago Castiñeiras acompañada de Diego Chapela, José Mariño e Carmen Moreira, da Fundación Juan XXIII, para comprobar os traballos de mantemento do parque que xa están realizando persoas con discapacidade.

“Este convenio -explicou a deputada- ten varias cuestións relevantes. Por unha banda, inxectamos unha inversión necesaria que permite que persoas con discapacidade desenvolvan un oficio e se aseguren un futuro profesional. Por outra parte, apostamos polo mantemento da maior xoia forestal que temos”. Neste eido, Ramallo recordou que estanse a levar tarefas de desbroce, limpeza de canaletas, poda de ramas baixas e plantación de árbores.

Un Plan Director da man da Estación Fitopatolóxica Areeiro

Ademais, a deputada provincial asegurou que dentro deste convenio inclúese “a creación dun Plan Director que abrangue unha superficie de 60 hectáreas entre as Comunidades de Montes de San Martiño e Santa Cristina, de Vilaboa, e de Santomé de Piñeiro, de Marín”. Un plan que inclúe visitas de asesoramento por parte de persoal técnico de Areeiro “que avaliarán o estado fitosanitario das árbores do parque e aportarán exemplares singulares para enriquecer a diversidade botánica”, indicou Ramallo.

Tal e como explicaron os responsables da Fundación Juan XXIII, baixo o paraugas deste convenio, desde xaneiro, plantáronse 50 abetos cedidos polo Concello de Marín, 12 araucarias cedidas pola propia fundación, 8 bidueiros e 35 árbores de diferentes especies cedidas por Areeiro. “Ademais, tamén desbrozamos a contorna da entrada do lago, pertencente a San Xulián, realizamos podas de ramas baixas de árbores e retiramos exemplares caídos polos temporais, así como eliminamos especies invasoras na zona do regato e realizamos xestións para regular o libre pastoreo indebido, coa finalidade de que non se danen as novas plantacións realizadas”, explicou o ente social.

Galerias de imaxes