A Deputación impulsa co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar un programa para achegar a cultura aos internos do Centro Penitenciario da Lama

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, visitou o módulo Nelson Mandela onde a Deputación promoverá funcións de teatro e proxeccións cinematográficas no marco do programa A cultura abre camiños á liberdade

25/02/2026

A Deputación impulsa co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar un programa para achegar a cultura aos internos do Centro Penitenciario da Lama

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, acompañado polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou este mércores o módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario da Lama, onde a Deputación de Pontevedra e o Consorcio impulsarán o programa A cultura abre camiños á liberdade. Esta acción busca reforzar a programación cultural dirixida ás persoas internas no centro e consolidar a cultura como ferramenta clave de reinserción.

A colaboración da Deputación de Pontevedra no marco do programa tradúcese na programación dunha representación teatral, da man da compañía Malasombra, así como a proxección da cinta “+Cuñados”, de Luis Avilés con guión de Araceli Gonda. Durante a visita, o deputado Jorge Cubela subliñou que “a cultura elimina barreiras e xera igualdade, mesmo en contextos de privación de liberdade”. Por iso, continuou, “apostar pola cultura neste espazo é apostar por oportunidades reais de reinserción”.

Esta iniciativa, un modelo pioneiro de preparación para a liberdade, naceu en 2008 no Centro Penitenciario de Teixeiro como un programa integral de preparación para a vida en liberdade, e converteuse nun referente en España e Europa. Tras os resultados alcanzados, en 2019 ampliouse ao centro da Lama no módulo Nelson Mandela: un módulo de respecto, orientado integramente á preparación para a vida en liberdade, con itinerarios personalizados de inserción sociolaboral e cun equipo específico de inclusión social.

A colaboración da Deputación de Pontevedra co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar permitirá reforzar a cultura no centro, un espazo que promove o acceso das persoas internas a actividades culturais en ámbitos como o cinema, a música, o teatro, a literatura ou as artes plásticas.

Galerias de imaxes