A Deputación recibe a autorización de Patrimonio para abrir os xardíns de Santa Clara á cidadanía no 2027
O vicepresidente Rafa Domínguez confirma que Patrimonio acaba de emitir o informe favorable para este proxecto de restauración paisaxística e acondicionamento funcional dos xardíns de Santa Clara, dotado cun orzamento de licitación de máis de 820.000€
18/10/2026
A Deputación acaba de recibir a autorización de Patrimonio para abrir os xardíns de Santa Clara á cidadanía no 2027, tras un proxecto de recuperación paisaxística e acondicionamento funcional dotado cun orzamento de licitación de máis de 820.000 euros. O vicepresidente Rafa Domínguez asegura que “o seguinte paso será pedir a licenza municipal e teño a certeza de que, sendo un proxecto de cidade, o Concello de Pontevedra concederá unha autorización rápida para que canto antes estes xardíns, que levan 750 anos pechados, estean abertos para toda a veciñanza da cidade”.
Domínguez reiterou que “desde o primeiro momento a vontade do goberno provincial foi que Santa Clara avanzase como proxecto museístico, pero tamén como un gran espazo verde para o desfrute dos pontevedreses”. Neste eido, a intervención, que acaba de recibir o informe favorable de Patrimonio e porá a disposición da veciñanza arredor de 4.500 m2 no centro da cidade, contempla a recuperación da estrutura vexetal, a posta en valor das árbores froiteiras e dos emparrados históricos da antiga horta conventual, así como a mellora dos percorridos peonís e da accesibilidade. O proxecto prevé a plantación de 39 árbores, 19 arbustos grandes, 692 arbustos estruturais, 6.635 metros cadrados de arbustos e herbáceas, 3.802 metros cadrados de gramíneas e 19 unidades de acuáticas, destacando as cerdeiras e maceiras en flor e novas plantacións adaptadas ao clima atlántico para mellorar o atractivo paisaxístico e favorecer a biodiversidade.
O vicepresidente recordou que desde a chegada do actual equipo de goberno á Deputación reformulouse o proxecto inicial para evitar destinar unha parte importante do futuro museo ao almacenamento de restos arqueolóxicos non visitables. Como alternativa para atender as necesidades de almacenamento do Museo de Pontevedra, impulsou un centro loxístico robotizado nunha parcela do polígono de Barro, cuxo proxecto xa está en marcha. Ademais, reduciuse un 20 % a edificabilidade prevista para reforzar o protagonismo dos espazos verdes.
Pendentes da licenza municipal
Domínguez manifestou que “levamos meses traballando para que os xardíns poidan abrir canto antes á cidadanía” e incidiu en que “con Santa Clara debemos ir todos da man porque é un proxecto de cidade. E non me cabe dúbida de que Lores non retrasará a apertura dos xardíns”. Neste eido, reivindicou a importancia de incorporar este espazo á vida diaria dos pontevedreses: “Queremos que estes xardíns deixen de ser un lugar inaccesible e se convertan nun espazo de encontro, descanso, reflexión e desfrute para todos. Santa Clara é un lugar extraordinario e queremos que todos os pontevedreses poidan desfrutalo”.
As obras, cun prazo de execución previsto de catro meses, incluirán a mellora dos sistemas de drenaxe e rega, a instalación de mobiliario integrado na contorna patrimonial e a renovación dos percorridos interiores. Non se instalará iluminación permanente, xa que os xardíns permanecerán pechados pola noite, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e preservar as condicións ambientais do espazo. A previsión é que, unha vez rematadas as obras, os xardíns abran ao público en horario de 10:00 a 19:00 horas, con ampliación durante o verán.
