Luisa Sánchez reivindica que o actual goberno provincial converteu Vigo nunha “prioridade”: “A Deputación pasou de estar na cidade a ser decisiva na súa transformación”

“A nosa pegada está presente nas principais actuacións en marcha. E non só porque participemos no seu financiamento, senón porque somos a administración que realiza o maior esforzo investidor nelas”, subliña a vicepresidenta

15/07/2026

Luisa Sánchez reivindica que o actual goberno provincial converteu Vigo nunha “prioridade”: “A Deputación pasou de estar na cidade a ser decisiva na súa transformación”

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reivindicou este mércores o “firme compromiso” con Vigo do actual goberno provincial, que converteu a cidade nunha “prioridade”.

“A Deputación pasou de estar en Vigo a ser decisiva na súa transformación. A nosa pegada está presente nas principais actuacións en marcha. E non só porque participemos no seu financiamento, senón porque somos a administración que realiza o maior esforzo investidor nelas”, sinalou.

A modo de exemplos, destacou que o organismo provincial achega 2,58 millóns de euros para a construción do parque de xogos da Finca Matías, o que representa o 79% do investimento total; destina 5 millóns de euros á reforma da piscina de Teis, o 70% do custo da actuación; financia con 1,9 millóns de euros as ramplas mecánicas da rúa Pintor Colmeiro, o 68% do orzamento; e achega 1,5 millóns para a humanización da rúa San Roque, o 69% do importe total. “Estes son exemplos que demostran que o noso compromiso con Vigo non é testimonial; é decisivo”, salientou.

Luisa Sánchez recordou que a Deputación comprometeu un total de 56 millóns de euros nestes tres anos entre investimentos, axudas e patrocinios. Unha cifra que, segundo afondou, deixa claro que “non só cumprimos os compromisos adquiridos, senón que superamos as expectativas”.

Máis de 42 millóns en marcha e outros cinco comprometidos

Máis polo miúdo, a vicepresidenta recordou que o ente provincial activou máis de 42 millóns de euros para once investimentos estratéxicos. Entre as actuacións xa completadas atópanse as intervencións na estrada Clara Campoamor, no Parque Nelson Mandela de Navia, no pavillón das Travesas e no Campo das Relfas.

Ao mesmo tempo, a institución provincial mantén actualmente en execución proxectos de grande relevancia para a cidade, como a reconstrución da bancada de Gol, a reforma da piscina de Teis, a creación do gran parque de xogos da Finca Matías, o ascensor de Juan Ramón Jiménez ou as humanizacións das rúas Pintor Colmeiro e San Roque.

A vicepresidenta destacou tamén a adquisición do Teatro Cine Fraga como “un paso histórico”. A recuperación deste inmoble emblemático permitirá devolvelo á cidadanía e convertelo nun referente cultural para Vigo, para Galicia e para o conxunto do noroeste peninsular.

Ademais, a Deputación ten reservados este ano outros 5 millóns de euros para desenvolver novos proxectos en colaboración co Concello de Vigo. Tal e como lembrou Luisa Sánchez, a institución provincial agarda a resposta do goberno local para avanzar na súa materialización.

Un compromiso coas persoas

A vicepresidenta puxo en valor que a aposta da Deputación por Vigo vai máis alá das infraestruturas e inclúe tamén un importante apoio ás persoas, ao deporte, á cultura e ao tecido asociativo da cidade.

Neste ámbito, a institución destinou outros 9 millóns de euros nos últimos tres anos para apoiar deportistas vigueses, reforzar os recursos dos clubs deportivos, colaborar coas asociacións locais e impulsar eventos culturais, deportivos e sociais que contribúen a dinamizar a cidade, algúns deles multitudinarios e con alto impacto turístico. “Puxemos a Vigo no centro das decisións non só a través das obras, senón tamén pensando nas persoas”, destacou.

Luisa Sánchez concluíu garantindo que Vigo continuará ocupando un lugar prioritario na acción do goberno provincial. “Seguiremos. Vigo seguirá sendo unha prioridade para este goberno provincial. Seguiremos tendo a Vigo no centro da nosa acción de goberno”, rematou.

audios