A Deputación activa a biblioteca ambulante de Mulleres de palabra(s) para achegar publicacións escritas por mulleres a centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia

A Deputación activa a biblioteca ambulante de Mulleres de palabra(s) para achegar publicacións escritas por mulleres a centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia

23/04/2026

A Deputación celebra o Día do Libro defendendo o seu papel esencial como promotor da creación literaria na provincia

A Deputación de Pontevedra activa a biblioteca ambulante de Mulleres de palabra(s) para achegar publicacións escritas por mulleres a centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia. Os centros educativos interesados poden completar xa a solicitude a través da sede electrónica do organismo provincial e ademais de instalar a biblioteca no centro educativo durante, como mínimo, un mes, a Deputación acompañará esta acción cun encontro cunha escritora.

A biblioteca ambulante de Mulleres de palabra(s) trátase dunha das novidades da segunda edición deste programa que chegará aos centros educativos da provincia que así o soliciten. A Deputación de Pontevedra, coa itinerancia da biblioteca, facilitará aos centros educativos a listaxe de títulos, ordenada por xéneros e por idade do público lector. O seu fondo está integrado por exemplares que abranguen desde títulos das autoras que participaron na primeira edición ou que foron recomendados, como por publicacións para público infantil e xuvenil, exemplares de banda deseñada e novela gráfica, poesía, obra das novas voces literarias e exemplares para público lector adulto. Ademais, o organismo provincial tamén pon a disposición dos centros unha listaxe cos nomes das autoras que estarán dispoñibles para visitalos e manter encontros co seu alumnado ou participar nos seus clubs de lectura.

Ademais desta biblioteca ambulante, no marco de Mulleres de palabra(s), este mes de abril (todos os xoves), Dores Tembrás está a ofrecer no Edificio Administrativo un obradoiro para ler poesía. En maio, o programa continuará da man de Arantza Portabales, que protagonizará unha conversa en Marín (auditorio municipal), e en xuño con Andrea Fernández Plata, que dirixirá un obradoiro de cerámica na Lama (espazo Fundación Ofirvida). O ciclo seguirá en setembro no Palacete das Mendoza coa poeta Antía Otero e a cantante Guadi Galego, co recital con música en directo “Escribir e cantar: a música das palabras”, e clausurarase o 17 de outubro para celebrar o Día das Escritoras cunha sesión de lectura coa escritora María Sánchez.

Mulleres de palabra(s) enmárcase no Ateneo pola Igualdade, unha iniciativa creada en 2024 polo goberno de Luis López como recurso público especializado a disposición da cidadanía. O seu principal obxectivo é converterse nun referente na promoción da igualdade e na loita contras as violencias machistas a través da investigación, da formación e da divulgación artística, cultural e científica con perspectiva de xénero.

Galerias de imaxes