A Deputación continúa esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos polo río Eifonso e Cabo Udra

As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de agosto e setembro, esténdense ata finais de outubro

27/08/2025

A Deputación de Pontevedra continúa a ofrecer esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos "baños de bosque". Este sábado 30 de agosto as rutas terán lugar no río Eifonso, en Vigo, e o domingo 31 en Cabo Udra, en Bueu. Todas as prazas dispoñibles para participar nas rutas de agosto e setembro están completas, esgotándose en cuestión dunhas horas trala apertura da inscrición.

Na parroquia de Bembrive (Vigo) discorre a ruta do río Eifonso, que nace no Monte das Lagoas abríndose camiño entre o val e pasando aos pés da capela de San Cibrán. O seu vertixinoso descenso converte as súas correntes en belas fervenzas, como a de Bouzafría, e dá orixe a varios muíños de auga na súas dúas ribeiras. En 2016 foi integrada dentro do Parque Botánico Arco da Vella, que se localiza nas inmediacións da capela de Vos Ramallo. Na ruta por Cabo Udra os participantes percorrerán gran parte da Costa do Morrazo e espazos pertencentes á Rede Natura 2000 con paisaxes únicas e de gran valor natural e histórico. Desde o cume do cabo, a 91 metros de altitude, e desde o alto de Carafixo, a 129 metros, gozarán de panorámicas con vistas á Ría de Pontevedra e á Illa de Tambo.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do río Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra.

Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. As quendas de +Bosques do mes de setembro comezarán a próxima fin de semana con actividades na Illa de Tambo o sábado 6 e na ruta da Xabriña o domingo 7. O prazo para participar nas quendas de outubro abrirá o luns 22 de setembro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.