A Deputación leva este mércores a Vilanova de Arousa a proxección da longametraxe “As Neves” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A proxección da longametraxe de Sonia Méndez terá lugar no Auditorio Valle Inclán ás 12:30 horas

12/10/2025

O Auditorio Valle Inclán de Vilanova de Arousa acolle este mércores 15 de outubro ás 12:30 horas a proxección da longametraxe “As Neves”, de Sonia Méndez. A actividade forma parte do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

A historia de “As Neves” transcorre nunha vila de montaña onde todas as persoas se coñecen. Na noite de Entroido un grupo de adolescentes celebra unha festa na que se drogan con cogomelos por primeira vez. O día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese tamén este ano en Marín, Mondariz e Salvaterra de Miño. Ademais de “As Neves”, en Vilanova de Arousa no mes de outubro haberá proxeccións do documental “Salvaxe, salvaxe” (17 de outubro) e da longametraxe “+Cuñados” (19 de outubro).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.