Luis López reafirma o compromiso do goberno provincial co galego tras aprobar a liña de axudas dirixida a entidades culturais para a dinamización da lingua, dotada con 150.000 €
“Se a pasada semana demos luz verde a recursos por valor de 300.000 € para o fomento do galego, nesta sumamos outros 150.000 €. 450.000 € aprobados nunha semana para o avance dunha lingua, a que compartimos todas e todos os que nacemos en Galicia, que tanto nos identifica e fala de nós”, subliñou o presidente
06/02/2026
Luis López reafirma o compromiso do goberno provincial co galego tras aprobar a liña de axudas dirixida a entidades culturais sen fins de lucro para a dinamización da lingua, dotada con 150.000 €. "Se a pasada semana demos luz verde a recursos por valor de 300.000 € para o fomento do galego, nesta sumamos outros 150.000 €. 450.000 € aprobados nunha semana para o avance dunha lingua, a que compartimos todas e todos os que nacemos en Galicia, que tanto nos identifica e fala de nós", subliñou o presidente provincial.
Esta liña de axudas, da que o pasado ano se beneficiaron 44 entidades culturais sen fins de lucro da provincia, distribuirá ata 4.000 €, sempre que non exceda o 75% do orzamento da actuación. En liñas xerais, vai dirixida a proxectos de fomento do uso do galego como certames literarios ou xornalísticos, proxectos audiovisuais, videoxogos ou bandas deseñadas; iniciativas de toponimia; actividades de fomento do emprego do galego no comercio e na industria; campañas para a dinamización, uso e prestixio da lingua galega; ou, entre outras, iniciativas de captación de neofalantes.
O prazo para solicitar esta liña de axudas será dun mes, a partir do día seguinte ao de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e os recursos provinciais servirán para cubrir desde gastos de infraestruturas e espazos para desenvolver programas ou actividades, ata a contratación de servizos técnicos, a edición de publicacións ou, entre outros, servizos de difusión.
