A Deputación activa as engrenaxes para organizar novas xornadas de +Convivir e +Convivir Peques no 2026 despois do éxito rexistrado o pasado ano, con preto de 6.000 persoas participantes

O deputado Javier Tourís reúnese con Gerardo Calvo, comandante xefe da Subdelegación de Acción Social da Garda Civil de Pontevedra e José Luis Peso do Plan Director da Garda Civil, para avanzar na organización de novas xornadas do programa

02/02/2026

Javier Tourís nunha reunión para preparar novas xornadas de +Convivir e +Convivir Peques

A Deputación de Pontevedra activa as engrenaxes para organizar novas xornadas de +Convivir e +Convivir Peques no 2026 despois do éxito rexistrado o pasado ano, con preto de 6.000 persoas participantes. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, reúnese con Gerardo Calvo, comandante xefe da Subdelegación de Acción Social da Garda Civil de Pontevedra e con José Luis Peso do Plan Director da Garda Civil, para avanzar na organización de novas xornadas do programa.

Javier Tourís lembrou que tanto +Convivir como +Convivir Peques teñen por obxectivo tender pontes coa cidadanía e “poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar, xuntas e xuntos, o avance da provincia de Pontevedra”. Tamén para “agradecer o compromiso da veciñanza da provincia e a súa implicación na dinamización da súa vida social e cultural”. Ao respecto, o deputado provincial definiu estas sesións como “xornadas de convivencia, diversión pero tamén de aprendizaxe”. De feito, é habitual que nas sesións participen integrantes da Policía Nacional e da Garda Civil para achegar información de utilidade á cidadanía sobre seguridade ou sobre emprego de Internet e que tamén se achegue información sobre hábitos saudables.

Ao longo do 2025 +Convivir e + Convivir Peques percorreu os concellos de Baiona, Bueu, Covelo, Forcarei, Fornelos de  Montes, Gondomar, A Lama, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Tui e Vilagarcía de Arousa, cunha asistencia de preto de 6.000 persoas. No 2024, ano no que se puxo en marcha por vez primeira esta iniciativa, xuntáronse preto de 4.000 persoas.