Luisa Sánchez supervisa a montaxe do Certame de Rondallas de Vigo, que terá lugar este sábado no IFEVI

O evento baterá récord de participación con 18 agrupacións e a presenza, por vez primeira, de agrupacións de Redondela e Baiona

16/01/2026

Montaxe certame  de Rondallas de Vigo.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, supervisou este venres -en compañía da delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, e do presidente de la Federación de Rondallas de Pontevedra, Serafín Rodríguez- a montaxe que se está a desenvolver no IFEVI para poñer todo a punto de cara á oitava edición do Certame de Rondallas de Vigo.

Un evento que este sábado (17.00 horas) congregará no recinto feiral a 18 agrupacións musicais da cidade e da súa área metropolitana, batendo así un récord de participación. O certame, que cada ano atrae a milleiros de afeccionados, contará por vez primeira coa presenza de formacións procedentes de Redondela e Baiona, que se unirán ás de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui.

Luisa Sánchez destacou que a Deputación de Pontevedra revalida o seu apoio a este evento achegando 10.000 euros co obxectivo de “conservar e difundir unha tradición que forma parte da nosa cultura máis fonda”. Neste senso, gabou o labor da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, entidade organizadora do concurso, pola súa posta en valor do valor etnográfico e histórico das rondallas.

Por último, a vicepresidenta provincial chamou a aproveitar a sona que están a adquirir as rondallas tanto dentro como fóra de Galicia grazas á película dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, que se estreou con grande éxito hai quince días. “A rodaxe do filme na provincia, e nomeadamente durante a celebración da pasada edición deste certame, revaloriza este patrimonio cultural que atesoramos, proxéctao no exterior e contribúe a súa continuidade”, sinalou.