Rafa Domínguez presenta ao tecido empresarial o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos–A Reigosa

O vicepresidente provincial mantivo unha reunión con empresarios para explicar “esta importante actuación, cun investimento próximo aos 275.000 €, que forma parte da folla de ruta da Deputación na cidade e que supón o primeiro paso público para un proxecto estratéxico impulsado no Concello de Pontevedra”

07/02/2026

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, mantivo unha reunión con representantes do tecido empresarial para presentarlles o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa, unha actuación estratéxica impulsada pola institución provincial nesta estrada que une Pontevedra e Ponte Caldelas e que contará cun investimento próximo aos 275.000 €.

Durante o encontro, Domínguez lembrou que a mellora desta estrada provincial responde ás reunións previas con empresarios do polígono do Campiño, “que nos trasladaron de primeira man as súas carencias e necesidades. Escoitamos, tomamos nota e puxémonos a traballar desde ese mesmo momento. Hoxe ese traballo empeza a verse nun proxecto concreto que avanza e que xa estamos compartindo co propio tecido empresarial”. Ao respecto, o vicepresidente remarcou que a mellora a desenvolver nesta vía de titularidade provincial “forma parte da folla de ruta que estamos a desenvolver no Concello de Pontevedra desde a Deputación, cunha política próxima, útil e pensada para dar respostas reais a quen xera actividade económica e emprego na cidade”.

Tal e como se explicou Domínguez na xuntanza cos empresarios, a actuación a desenvolver nesta estrada que une Pontevedra e Ponte Caldelas contempla a mellora da seguridade viaria nun tramo de 900 metros, entre os puntos quilométricos 3+300 e 4+200, onde se reporá e mellorará o firme, se acondicionarán cunetas e renovará a sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de garantir unha circulación máis segura e cómoda nun treito estratéxico da rede provincial.  O vicepresidente informou que, nestes momentos, o procedemento administrativo para a súa execución continúa o seu curso e atópase “nunha fase avanzada”, xa que se prevé a adxudicación nas próximas semanas, unha vez rematados os trámites establecidos. “E mentres avanza o procedemento- destacou Domínguez- a Deputación avanza en paralelo, no diálogo e na explicación da actuación aos distintos actores económicos e sociais”.