A Deputación destina case 55.000 € á ampliación do período de prácticas no estranxeiro das mozas e mozos que están a participar no Erasmus+
Luis López: “O noso obxectivo, con programas como este, é que a nosa xuventude teña o maior coñecemento posible para poder fronte aos retos de futuro, aprenda no estranxeiro e regrese para poñer o seu talento a disposición do avance desta provincia extraordinaria”
06/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar case 55.000 € á ampliación do período de prácticas no estranxeiro das mozas e mozos que están a participar no Erasmus +. “O noso obxectivo -asegurou o presidente provincial Luis López-, con programas como este, é que a nosa xuventude sexa a mellor preparada da historia, que teñan o maior coñecemento posible para poder facer fronte aos retos de futuro, aprenda no estranxeiro e regrese despois, que querémolos aquí, poñendo o seu talento a disposición do avance desta provincia extraordinaria”.
Trátanse de 24 mozas e mozos que se atopan xa en Francia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal e que estudaron ciclos formativos relacionados coa xoiería, a farmacia, os servizos comerciais ou, entre outros, a carpintería, en centros formativos da Estrada, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Pontevedra, O Porriño, Sanxenxo, Tomiño e Vigo.
En liñas xerais, con esta ampliación o alumnado que comezou as súas prácticas no estranxeiro ao abeiro do Erasmus+ en xullo e setembro do 2025, rematará o 11 de abril en lugar de neste mes de febreiro. Pola súa banda, aqueles que comezaron en outubro permanecerán no estranxeiro ata o 9 de maio, en lugar de regresar en marzo. E, para poder facer fronte aos gastos derivados da ampliación da estadía no estranxeiro, recibirán contías que oscilan entre os 2.100 e os 2.400 euros.
