A Deputación inviste máis de 10.000 € nas Neves co fin de equipar o miradoiro de San Nomedio para a observación astronómica

A actuación está financiada con cargo ao proxecto Visit Rio Minho Plus, grazas ao cal o miradoiro obtivo a principios deste ano o recoñecemento de Paraxe Starlight

06/08/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a inxección de máis de 11.000 € ao Concello das Neves co fin de equipar o miradoiro de San Nomedio para a observación astronómica. A dotación de mobiliario urbano e equipamento, que permitirá reforzar a vocación astronómica deste espazo e así fomentar a práctica do astroturismo, está sufragada no marco do proxecto Visit Rio Minho Plus (financiado ao 75% con fondos FEDER).

A acción de subministración e instalación de mobiliario urbano e equipamento para a observación astronómica que acaba de ser aprobada forma parte dun paquete de medidas levadas a cabo pola Deputación en colaboración co concello das Neves co fin de mellorar a imaxe do destino turístico transfronteirizo Río Miño, e incluíu a redacción dun proxecto de valorización desta mesma contorna.

Ademais, tamén no marco do Visit Rio Minho Plus, a Deputación de Pontevedra e o Concello das Neves colaboraron co fin de obter o certificado de Paraxe Starlight para o miradoiro de San Nomedio, o cal xa se conseguiu a comezos deste ano. Esta certificación acredita a calidade do ceo e da contorna para o astroturismo, unha modalidade innovadora e sostible que a Deputación está a impulsar da man do produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas, partindo da eclipse do próximo mércores 12 de agosto pero co afán de converterse nunha aposta estratéxica, estable e duradeira á marxe dos fenómenos puntuais que terán lugar no horizonte 2026-2028.