A Deputación leva ata Campo Lameiro un espectáculo de música e danza para gozar en familia enmarcado na segunda edición de Entradiñas de Aninovo

“O arcón de Noa”, de Amarelo Cía, chegará este sábado ás 19:00 horas ao Centro Sociocultural Sobrino Buhigas

25/12/2025

A Deputación de Pontevedra leva ata Campo Lameiro “O arcón de Noa”, un espectáculo de música e danza para gozar en familia enmarcado na segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos do organismo provincial que percorrerá a provincia ata o 17 de xaneiro de 2026. Será este sábado 27 de decembro ás 19:00 horas no Centro Sociocultural Sobrino Buhigas a cargo de Amarelo Cía.

 “O arcón de Noa” é unha proposta para público infantil e familiar a partir de 3 anos. A través da linguaxe da danza contemporánea, a utilización de obxectos e a interacción co dispositivo escénico, esta proposta amosa múltiples situacións e personaxes guiados por unha narración clásica de conto de maxia e fantasía, estimulando a imaxinación das nenas e nenos.

O espectáculo trata transversalmente valores sociais e temáticas relevantes para o desenvolvemento emocional das nenas e nenos: a empatía, a sostibilidade, a cooperación, a diversidade, a inclusión e o respecto ao diferente. Todos estes temas tratados de maneira lúdica, facendo uso da linguaxe corporal, a luz, a música e a imaxinación, para contar unha historia de amizade onde haberá emoción, maxia, aventuras, fantasía e comicidade.