A Deputación destina 180.000 euros para instalar cunetas de seguridade e executar obras de mellora da drenaxe nas estradas que unen Cuntis con Cequeril e Alto da Cruz
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, visitou a contorna onde se desenvolverán as actuacións, que abranguen melloras en treitos que atravesan os núcleos de Louriña, Xinzo, Cequeril e A Casiña
19/07/2026
A Deputación de Pontevedra destina 180.000 euros para instalar cunetas de seguridade e executar obras de mellora da drenaxe nas estradas que unen Cuntis con Cequeril e Alto da Cruz. A deputada de infraestruturas, Belén Cachafeiro, visitou a contorna onde se desenvovlerán as actuacións, que abranguen melloras en treitos que atravesan os núcleos de Louriña, Xinzo, Cequeril e A Casiña.
Deste xeito, tal e como explicou a deputada provincial, na EP-8402 entre Cuntis e Cequeril a mellora terá lugar en varios treitos que atravesan Louriña, Xinzo e Cequeril que supoñen preto de 700 metros e se sitúan entre os puntos quilométricos 1+900 e o 8+100. O investimento ascende a 140.000 euros e permitirá mellorar a drenaxe e a seguridade viaria da estrada coa construción de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para a drenaxe, a execución de arquetas e o recrecido de pozos que, ademais, permitirán evitar filtracións de auga e danos ao firme.
Cachafeiro recordou que nesta mesma estrada xa se actuou con anterioridade, concretamente en zonas de Cardecide, A Ermida, Xinzo e A Casiña, onde tamén se executaron cunetas de seguridade por valor de 250.000 euros en preto de dous quilómetros. Do mesmo xeito, nesta estrada investiuse preto de 90.000 euros para instalar barreiras de seguridade en diversos tramos na marxe dereita da estrada, cunha lonxitude total de 1,8 km.
No que respecta á EP-8402 entre Cuntis e Alto da Cruz, a deputada provincial recordou que o investimento ascende a 40.000 euros, ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade, para actuar en dous treitos que atravesan A Casiña. Neste espazo realizaranse operacións de mellora da drenaxe e a seguridade viaria mediante tamén a construción de cunetas de seguridade, colocación de tubaxes para drenaxe, execución de arquetas e recrecido de pozos.
Ademais destas actuacións, Belén Cachafeiro tamén recordou que en Cuntis se realizaron obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-8404 entre Piñeiro e Arcos, onde se investiu máis de medio millón de euros para mellorar a funcionalidade e a seguridade entre os puntos quilométricos 0+000 e o 3+416. Ao detalle, a obra comprendeu a reposición da capa de rodaxe en toda a estrada, a execución de 1.840 metros de cunetas de seguridade e 280 m2 de novas beirarrúas.
