Luis López presenta a nova Estratexia de turismo da Deputación valorada en 45 millóns para “multiplicar as Rías Baixas” nos 61 concellos

O presidente provincial, xunto coa deputada de Turismo Nava Castro, presenta a folla de ruta do turismo nas Rías Baixas para a presente década nos xardíns do Palacete das Mendoza rodeado dos representantes do sector e alcaldes e edís de toda a provincia

29/07/2024

Presentación Estratexia Rías Baixas Turismo 61

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este luns nos xardíns do Palacete das Mendoza as liñas mestras do novo plan estratéxico para o turismo do organismo provincial, que leva o nome de Estratexia Rías Baixas Turismo 61. Un documento integrado por cinco eixos, cun orzamento de 44,5 millóns de euros, que ten o obxectivo de facer da calidade de vida deste territorio o centro do destino e a filosofía de multiplicar as Rías Baixas por 61, o número de concellos da provincia, para que todos sexan parte activa do destino. “O turista xa non só quere vir aquí, quere ser de aquí. E os veciños queremos que os nosos modos de vida sigan a ser respectados, coidados e valorados”, resumiu o mandatario provincial o sentido desta nova folla de ruta que rexerá as políticas turísticas da Deputación ao longo da presente década nun acto no que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro, e no que estiveron presentes representantes do sector, así como alcaldes e concelleiros de toda a provincia.

Conducido pola xornalista Rocío Padín e coa actuación do músico Roi Casal, o acto comezou coa presentación da estratexia por parte da deputada de Turismo, Nava Castro, quen destacou o espírito de colaboración deste documento, en cuxa redacción se tivo en conta as valoracións dos integrantes do sector. “Máis de 120 participantes contribuíron á elaboración desta estratexia, o que dá conta da ampla representación de todas as partes implicadas no desenvolvemento do destino como do noso afán de chegar a consensos co conxunto da cidadanía”, afirmou a deputada, quen fixo fincapé no carácter municipalista do plan. “O destino Rías Baixas é algo grazas aos concellos. Á suma das súas forzas, das potencialidades e os recursos de cada un dos 61 concellos da provincia para artellar unha proposta que sexa sostible, coherente e innovadora. Por iso terán un protagonismo reforzado”, engadiu Castro. Acto seguido, subiu ao escenario o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen puxo de manifesto o “papel estratéxico” da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas na marca Galicia grazas a varios dos seus atractivos turísticos que definen o destino galego como a natureza, a cultura ou a enogastronomía. Logo tivo lugar un coloquio entre o chef do restaurante con estrela Michelin Culler de Pau, Javier Olleros; a xerente da Ruta do Viño, Lorena Varela; e o vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, Javier Picallo; que debateron sobre as riquezas e desafíos de futuro do turismo nas Rías Baixas.

Estratexia municipalista

O presidente Luis López foi o encargado de explicar polo miúdo o contido desta Estratexía Rías Baixas Turismo 61, que está estruturada en cinco eixos, engloba 42 liñas de acción e prevé máis de 225 actuacións concretas cun horizonte fixado no ano 2030 e cun investimento total estimado nuns 45 millóns de euros. O primeiro deles, “Rías Baixas Singular”, busca que “o turista, máis que visitar, viva como se estivera aquí”, explicou López citando medidas concretas como visitas a adegas, itinerarios que mapeen todos os recursos da provincia ou programacións específicas centradas no Nadal, a gastronomía ou potenciar as Ofinas de Turismo para que sexan provedoras de información e tamén de servizos.

O segundo, “Somos Rías Baixas”, céntrase na oferta turística identitaria do territorio. “Incorpora valores consolidades da nosa oferta como esas marabillosas tres C: Camiño, Castelos e Camelia”, especificou o presidente. Nesta liña súmanse outros atractivos potenciais como a abundancia de auga, a aposta polo turismo deportivo e organización de eventos ou alternativas nocturnas como o visionado de estrelas ou espectáculos pirotécnicos.

“Rías Baixas Sostible” é o título do terceiro eixo e pasa pola “integración de todos os actores do turismo no reto da sustentabilidade, co apoio ao emprego de calidade no sector, visibilizando actuacións dos concellos a favor de recursos turísticos sustentables como humanizacións ou o coidado de espazos verdes e reforzando a aposta pola excelencia”, explicou o dirixente, que ve no turismo de congresos unha alternativa “segura, desestacionalizada e de moito valor engadido”.

A cuarta proposta está baseada na promoción do destino e leva o nome de “Rías Baixas ünica”. Unha liña de traballo fundamental e que marca o obxectivo de agrupar a toda a provincia dentro da marca Rías Baixas a través do reposicionamento da marca onde estea menos presente ou da organización de eventos Rías Baixas e tamén “coa implicación da veciñanza para que vexan, aínda con máis forza, as Rías baixas como un sentimento de pertenza e orgullo para todos”, engadiu López.

O quinto e derradeiro eixo está vencellado coa innovación no destino mediante o “reforzo da formación en competencias dixitais ou a aplicación de modelos de intelixencia artificial”, citou o presidente provincial.

Un sector en crecemento

Cinco eixos de futuro formulados coa misión de consolidar e reforzar un destino que está a vivir un momento doce, con datos de récord e que melloran as cifras do 2019, o ano anterior á pandemia da covid-19. “Estamos nun inmellorable punto de partida para definir que queremos ser como destino no futuro. Ese crecemento, entre 2019 e 2023, de máis do 8 % no número de viaxeiros e, o que é máis importante, ese incremento do 20 % no turismo estranxeiro; ese aumento xeralizado na oferta, en hoteis e en calquera das súas formas ou ese incremento do 30 % de gasto dos turista. Todos son indicativos de que o destino nas Rías Baixas está en forma e está en marcha para encarar todos os retos que veñen por diante”, afirmou o presidente da Deputación.

Neste sentido, lembrou Luis López que esta Estratexia Rías Baixas Turismo 61 é un novo paso adiante cara o obxectivo de construír un destino turístico desestacionalizado, sustentable e competitivo. Un relanzamento das políticas que o goberno provincial xa estaba levando a cabo con iniciativas como a aprobada hai unha semana coa apertura do prazo para solicitar axudas para realizar actividades turísticas nos concellos da provincia por valor de 80.000 euros ou as aprobadas en xuño para a organización de eventos deportivos de interese turístico por 100.000 euros. “Esta xornada é unha xornada que é unha encrucillada de todos os camiños do noso turismo: os do pasado, os do presente e os do futuro”, concluíu Luis López lembrando o vinte aniversario do establecemento do Palacete das Mendoza como sede de Turismo Rías Baixas, os récords actuais en economía, distintivos de calidade, variedade da ofeta ou de embaixadores do destino; ou a senda de sustentabilidade, calidade de vida e cohesión territorial que marca o futuro da provincia nesta Estratexia Rías Baixas Turismo 61.

Galerias de imaxes

audios