A Deputación recupera para a exposición permanente do Museo de Pontevedra as estatuas dos profetas do Pórtico da Gloria

Estas dúas xoias da colección, da autoría do taller do Mestre Mateo, exhíbense desde esta semana no claustro do Edificio Sarmiento

04/12/2025

Rafa Domínguen exposición estatuas dos profetas do Pórtico da Gloria

A Deputación acaba de incorporar para a exposición permanente do Museo de Pontevedra dúas das pezas máis importantes da súa colección: as estatuas dos profetas Enoc e Elías, realizadas polo taller do Mestre Mateo para a fachada exterior do Pórtico da Gloria. Despois de 11 anos nas salas de reserva do Museo, de onde só saíron para algunhas exposicións temporais, desde esta semana poden verse no claustro do Edificio Sarmiento, onde proximamente se instarán outras pezas románicas e prerrománicas da colección.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destacou que as esculturas que agora se exhiben forman parte da colección do Museo desde 1956. "Son pezas cargadas de historia, de beleza e de significado, e cuxa presenza reforza a importancia do Museo de Pontevedra como referente patrimonial en Galicia". Domínguez encadrou esta instalación nun momento doce do Museo, que "non é só un espazo de exhibición, senón un gran referente cultural, epicentro de creación, memoria e debate artístico".  "Grazas á recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra, á incorporación de obras clave e agora coa instalación dos profetas do Pórtico da Gloria, consolidamos unha oferta de valor internacional e patrimonial", expuxo o vicepresidente. "Seguimos traballando en Santa Clara e os edificios centrais, para que formen parte do museo provincial máis ambicioso de España", remarcou.   

A directora do Museo, Ángeles Tilve, sinalou que era "moi especial volver a ter expostos os magníficos profetas do taller do Mestre Mateo, pezas estelares da colección, que estiveron expostos no Edificio García Flórez durante moitos anos e despois neste mesmo claustro do Sarmiento en 2014". Logo estiveron en exposicións moi importantes, como a dedicada a Mateo polo Museo do Prado (2016-2017) e posteriormente no Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela (2017-2018) e, xa en 2024, na mesma cidade na mostra 'Hospitalitas' da Fundación Las Edades del Hombre.

Estas dúas estatuas están consideradas as máis notables das sete que se conservan da fachada exterior do Pórtico da Gloria, entre as que se atopan as que estaban en posesión da familia Franco no Pazo de Meirás e que acaban de ser devoltas ao Concello de Santiago para exhibirse no Museo do Pobo Galego. Aínda que a identificación dos personaxes está en discusión, considérase que se corresponderían cos profetas do Antigo Testamento Enoc e Elías.

Ambas esculturas estiveron en orixe pegadas ás xambas da fachada exterior do Pórtico da Gloria, na catedral de Santiago de Compostela. Tras as obras que sufriu esta portada en 1520, os dous altorrelevos pasaron a mans privadas. O Museo de Pontevedra comprounas en 1956 aos Condes de Gimonde, converténdose en dúas das pezas máis icónicas da súa colección.

As similitudes formais coas obras do Mestre Mateo fan incuestionable a orixe e autoría destas esculturas datadas arredor do ano 1188. Destacan polo seu volume, a disposición das pernas, o tratamento anatómico ou a fisionomía da barba e a cabeleira. As pezas, de máis de 1,7 m de alto cada unha, exhíbense en dous soportes de grandes dimensións especialmente deseñados para estas estatuas, doados ao Museo pola Fundación Barrié, á que a directora do Museo agradeceu a súa xenerosidade.

A instalación destas esculturas é o primeiro paso para completar o percorrido cronolóxico pola historia da arte galega que ofrece o Museo de Pontevedra, que vai desde a prehistoria ata o comezo do século XXI. En 2014 desmontouse o espazo dedicado ao prerrománico e ao románico, que agora se vai recuperar. Ao longo do ano que vén completarase a montaxe coa instalación de pezas prerrománicas tan relevantes como as laudas de estola e outros sepulcros altomedievais, dos séculos V ao VII, os capiteis de mármore e granito de San Salvador de Setecoros e o disco ornamental de Sabanle. Tamén se prevén colocar pezas emblemáticas da arte románica galega, como o tímpano de Palmou, capiteis como os de Santa María de Bermés, entre outros, e a escultura de San Pedro procedente de Santiago de Gres. 

Galerias de imaxes