A Deputación enche de cultura a Festa do Viño do Condado do Tea en Salvaterra de Miño con tres actuacións musicais e un espectáculo familiar de maxia

Esta fin de semana Tiruleque, Sheila Patricia e Los Jinetes del Trópico actuarán no marco do programa +Música, mentres que a función “Museo encantado” de Dani García se encadra dentro da programación do circuíto +Escénicas

25/08/2026

A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana un total de catro actividades culturais no recinto amurallado de Salvaterra de Miño dentro da programación da Festa do Viño do Condado do Tea. Tiruleque, Sheila Patricia e Los Jinetes del Trópico actuarán nas noites do venres e o sábado no marco do programa +Música, co que a Deputación colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e mais fomentar a lingua e a cultura galegas. Ademais, tamén se celebrará o espectáculo familiar “Museo encantado”, de Dani García, unha función que forma parte do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

A banda Tiruleque, que actuará o venres ás 23:00 horas, leva en activo máis de dúas décadas mesturando un repertorio baseado nas recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias, así como pezas propias. En Salvaterra de Miño presentarán o seu novo espectáculo “Repichoca”, adiantando o novo traballo discográfico da formación. Nel, a banda captura a ledicia e o espírito festivo das repichocas e das foliadas, pero levándoas ao presente, como espazos que unen aos galegos para celebrar a cultura do país.

A noite do sábado terán lugar dous concertos financiados con cargo ao +Música. No primeiro deles, ás 23:00 horas, o canto tradicional de Sheila Patricia demostrará a riqueza do son galego mesturado con diversas formas de música electrónica, desde sofisticadas bases minimalistas ata explosións polirrítimicas ultramodernas. A súa música está influenciada polas innumerables viaxes que realizou a América Latina e o seu proxecto presentar unha música fresca e vibrante combinada cunha mensaxe de apoderamento.

Máis avanzada a noite do sábado, cara ás 1:30 horas, actuarán Los Jinetes del Trópico, unha banda cuxo repertorio está baseado no costumismo galego, con cancións como "Namoreime dunha Pulpeira" ou "Furancho". O grupo apareceu en programas televisivos como Got Talent, Luar, Xuntos ou Bamboleo, e actuou en festivais coma Revenidas, Armadiña Rock, Atlantic Fest ou Atlantic Pride ademais de acadar o premio ás bandas emerxentes da fundación Paideia no ano 2019. Na actualidade contan cun directo consolidado con máis de 20 temas propios.

No marco de +Música, entre os meses de maio e decembro estanse a celebrar 93 actuacións en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.

Maxia para toda a familia de man de Dani García

“Museo Encantado”, de Dani García, é unha instalación participativa que o público pode percorrer e desfrutar con comodidade, e que se representará en Salvaterra de Miño o venres ás 19:30 horas. Está composta por catro micro-espectáculos de maxia completamente diferentes en ritmo, estética e concepto máxico: unha caseta onde un autómata preparado para ler o futuro sorprende con xogos de maxia, unha cabina de teléfono londiniense na que a audiencia vivirá e sentirá a maxia a través dun vello teléfono, un fotomatón que permite experimentar a maxia tecnolóxica do século XXI viaxando polo mundo e facendo maxia interactiva a través dunha pantalla, e o antigo confesionario de igrexa onde nada é o que parece e non está quen debera. Ente cada instalación o público desfrutará de pequenas pezas ou ilusións de maxia que nos transportarán ou darán a clave para seguir desfrutando do momento.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.