Luis López sela co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, outra mellora para a rede viaria da provincia: 920.000€ para facer máis segura a Rúa do Río

O organismo provincial achega o 70 % do orzamento, uns 646.000€, para actuar nun treito de 200 metros onde se ampliarán as beirarrúas, reordenará o tráfico e mellorar os servizos dunha estrada moi transitada onde se sitúa un colexio e núcleos de poboación

05/02/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar un convenio de colaboración co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9206 entre Portonovo e Vichona, coñecida popularmente como a Rúa do Río. Unha intervención valorada nun total de 920.000 euros, dos que o ente provincial achega o 70 %, arredor de 646.000 euros; e o Concello de Sanxenxo, os 277.000 restantes correspondentes ao 30 % do orzamento total. “Visitamos Sanxenxo, concello de referencia tanto en turismo como en calidade dos servizos e infraestruturas, para asinar un convenio que atende unha demanda histórica e permitirá executar un proxecto complexo, pero que ao ter na mesa un alcalde como Telmo Martín faise máis doado”, afirmou o dirixente, que estivo acompañado polo deputado e concelleiro sanxenxino, Marcos Guisasola; nun acto no que destacou a partida orzamentaria de 40M€ reservada polo goberno provincial para investir este ano na rede viaria de titularidade provincial.

O proxecto céntrase nun treito de case 200 metros nunha contorna con moito movemento de persoas e vehículos, ao situarse nas inmediacións o colexio Abrente e núcleos de poboación como Outeiro e A Igrexa, que servirá para construír beirarrúas anchas, ordenar mellor as zonas de aparcamento, soterrar as liñas eléctricas e de telecomunicacións e colocar nova iluminación LED. Así mesmo, a Rúa do Río terá un só sentido de circulación con aparcamento en liña e beirarrúas amplas, así como unha pequena zona de convivencia no cruce coa PO-308. “Unha intervención nunha estrada que levará o selo de calidade da Deputación de Pontevedra: máis segura, con mellores servizos e máis peonil”, asegurou o dirixente. Neste sentido, o mandatario provincial puxo en valor o “esforzo importante” que realiza o Concello na execución do proxecto ao asumir o 30 % do custo e as expropiacións, así como a vontade de colaboración que sempre amosa o goberno local e que posibilita a posta en marcha de máis proxectos.

A colaboración da Deputación co Concello de Sanxenxo non se limita unicamente á mellora da seguridade viaria desta obra, no ámbito das infraestruturas o executivo de Luis López leva mobilizados neste mandato no arredor de 1,6 millóns de euros, unha cifra que inclúe tamén a mellora da mobilidade peonil na EP-9208 entre Noalla e Aios. Unha cantidade que se suma aos máis de 7M€ investidos pola Deputación no Concello de Sanxenxo ao longo do presente mandato, dos que este ano lles corresponde un total 3,3M€ a través de plans de cooperación como o +Provincia, o Plan Extra ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “A Deputación seguirá ao carón de concellos como o de Sanxenxo para seguir mellorando tanto a rede viaria como o resto de infraestruturas e servizos sempre en colaboración cos gobernos locais”, concluíu López.

Galerias de imaxes

audios