Luis López asina co alcalde de Valga, Jose María Bello, un investimento de 875.000€ para financiar o 100% da nova área de lecer da lagoa de Porto Piñeiro
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo que combina os recursos do Plan Extra e do +Provincia para crear zonas de paseo e estancia, un parque infantil e un edificio multiusos nunha área natural de alto valor
13/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, o convenio para a posta en valor da área de lecer e deportiva de Porto Piñeiro, enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Bello Maneiro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará o 100 % dun proxecto valorado en 875.000€, dos que 700.000 euros achégaos ao abeiro do Plan Extra e os 175.000 euros restantes cúbreos cos recursos do Plan +Provincia correspondentes ao Concello de Valga. Un investimento que supón unha nova mostra da aposta pola mellora dos espazos públicos nos concellos da provincia.
O proxecto céntrase nunha intervención no conxunto das Lagoas das Minas Mercedes e Porto Piñeiro, que se sitúan na contorna da estrada PO-548 (Estrada Pontecesures-Vilagarcía), no eixo urbano O Forno - A Torre. Alí crearanse zonas de tránsito e de estancia para persoas, así como novas zonas verdes cunha iluminación moderna e axeitada. O mobiliario novo inclúe bancos, mesas, aseos, fontes, xogos infantís e un edificio modular de usos múltiples. Ademais instalaranse as redes soterradas de abastecemento, saneamento e electricidade
A colaboración da Deputación co Concello de Valga non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 4M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
