Luis López celebra o éxito da 10k entre A Illa de Vilanova de Arousa, que estreará o Entre Pontes Trail & Running esgotando as súas 500 prazas en menos de dous días
Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nas actividades paralelas, 40 para a andaina popular e 90 nas carreiras infantís, que se celebrarán tamén o 20 de setembro
07/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebrou “o éxito do noso recentemente estreado circuíto de carreiras popular provincial”, Entre Pontes Trail & Running, do que “acabamos de coñecer que as 500 prazas da primeira carreira, que celebraremos o 20 de setembro en Vilanova e A Illa de Arousa, xa están esgotadas en menos de dous días”. O presidente provincial lembrou que as inscricións abriron este mércores trala presentación da proba, e sinalou que “desde ese momento houbo unha avalancha total de interesados en participar neste evento gratuíto e popular que, á vista está, nos consolida como a provincia do deporte”.
Nestes momentos quedan “apenas 40 prazas para a andaina e en torno a 90 para as carreiras infantís” que se celebrarán ese mesmo día, “cando crucemos precisamente unha das pontes máis emblemáticas da nosa provincia”, e que teñen unha capacidade de 150 prazas cada unha. Ao remate destas actividades habilitarase unha zona de food trucks para gozar da gastronomía da provincia. “Cremos que é unha cuestión de tempo que se enchan as 800 prazas, pero en todo caso con estas cifras podemos xa falar dun éxito absoluto que, agardamos, se estenda ás restantes cinco probas en Pontevedra, nos montes de Vigo, en Cerdedo-Cotobade, Gondomar e Moaña”, valorou Luis López.
Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas das mesmas actividades paralelas. Os obxectivos deste programa, que se desenvolve ao longo de todo o territorio pontevedrés para achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza.
Todas as probas son de balde e, tralo éxito da 10k entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa, o circuíto continuará o 12 de outubro cun trail en Vigo, o 25 de outubro cunha 10k en Gondomar, o 1 de novembro cun trail en Cerdedo Cotobade, o 22 de novembro cunha 10k en Pontevedra e rematará o 29 de novembro en Moaña cunha proba de trail.
