A Deputación leva máis de 40 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo
Veciños e veciñas de 14 concellos da provincia gozarán de estancias no Grove, Mondariz-Balneario e Sanxenxo con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
07/02/2026
Máis de 40 persoas de 14 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar, cunha estadía no Balneario de Mondariz, en Mondariz-Balneario. Durante cinco días, ata o venres 6, accederán aos seus servizos de termalismo e similares en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural para fomentar o envellecemento activo.
Desta maneira, ata o Balneario de Mondariz desprazarase un grupo de 43 persoas, composto por 4 de Catoira, 6 de Cerdedo-Cotobade, 1 de Forcarei, 2 da Guarda, 2 da Illa de Arousa, 1 da Lama, 2 de Moaña, 2 de Nigrán, 2 de Poio, 10 de Pontevedra, 6 de Sanxenxo, 1 de Vilaboa, 3 de Vilagarcía e 1 de Vilanova de Arousa.
No marco do programa de termalismo +Benestar preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz-Balneario, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.