A Deputación esgota en menos dunha hora todas as prazas para participar nas últimas rutas do programa provincial +Bosques do 2025

Os dezaseis percorridos terán lugar os sábados e domingos de outubro, desde o sábado 4 no Pazo de Lourizán ata o domingo 26 polo Carreirón

22/09/2025

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos dunha hora todas as 240 prazas dispoñibles para participar nas últimas actividades do programa +Bosques, trala apertura do prazo este luns ás 9:00 horas da mañá. Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes (15 por quenda) gozar das vantaxes dos “baños de bosques” nun total de 16 percorridos que no mes de outubro terán lugar en seis dos sete espazos naturais que forman parte do programa provincial +Bosques neste 2025.

Deste xeito, os últimos percorridos do programa comezarán o sábado 4 de outubro no Pazo de Lourizán (Pontevedra) e continuarán o domingo 5 de outubro polo río Eifonso (Vigo), unha actividade que se repetirá o 12 de outubro. Ademais, o sábado 11 e o sábado 25 de outubro chegarán a Cabo Udra (Bueu), o sábado 18 á Ruta da Pedra e da Auga, o domingo 19 á illa de Tambo e ao Pazo de Lourizán, e o domingo 26 de outubro ao Carreirón.

+Bosques duplicou este ano a oferta de percorridos en sete espazos da costa e o interior da provincia onde poder coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promóvese a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.