A Deputación continúa esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos polo Pazo de Lourizán e polo Carreirón

As actividades xa teñen todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de setembro e outubro

25/09/2025

A Deputación de Pontevedra continúa a ofrecer esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 27 de setembro terán lugar no Pazo de Lourizán, en Pontevedra, mentres que o domingo 28 de setembro se desenvolverán no Carreirón, na Illa de Arousa. Todas as prazas para participar nas rutas de setembro e outubro están completas, esgotándose en cuestión dunha hora trala apertura da inscrición.

O Pazo de Lourizán destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa. A finca, situada nunha ladeira aberta á Ría de Pontevedra fronte á illa de Tambo e Combarro, presenta outros elementos de interese como o pazo, o hórreo, a eira, o invernadoiro, o parque das rías, a cova dos espellos e os xardíns construídos por Montero Ríos entre finais do século XIX e principios do XX. Pola outra banda, O Carreirón ten a catalogación de Zona Internacional de Especial Protección para as Aves e está integrado no Parque Natural do Complexo Intermareal Umia-O Grove. Trátase dunha península de 1,3 km2, unida á illa polo tómbolo das Salinas, que se atopa en estado completamente puro e con varios sendeiros. A súa costa recortada dá lugar a praias de area fina, lagoas e marismas, así como diferente flora e fauna. As saídas retomaranse o mes de outubro cos primeiros percorridos tamén no Pazo de Lourizán o sábado 4 e polo río Eifonso o domingo 5.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). No 2025 a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.