A Deputación leva este sábado o ciclo +Escénicas a Pontecesures cun espectáculo infantil de monicreques
A adaptación do clásico “Onde viven os monstros” representarase da man de Carmen Domech no Centro social a partir das 20:00 horas
25/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 27 de setembro o circuíto +Escénicas ao concello de Pontecesures da man do espectáculo infantil de monicreques “Onde viven os monstros”, a cargo de Carmen Domech. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
"Onde viven os monstros" representarase no Centro social ás 20:00 horas e está pensada para público infantil de entre 3 e 11 anos. Trátase dunha adaptación para monicreques do clásico de Maurice Sendak acompañada de pequenos contos monstruosos. Max crea na súa habitación un mundo imaxinario onde é libre mesmo para ser monstro, o máis monstro de todos. Na súa aventura, desafía os seus propios medos, a frustración, a rabia, a incomprensión ou o temor ao rexeitamento. Finalmente, atopar en falta o amor da súa nai faino regresar á casa e comprender que sempre hai que respectar os demais.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.