A Deputación de Pontevedra organiza o venres 18 de setembro en Pontevedra a conversa “Escribir e cantar: a música das palabras” con Antía Otero e Guadi Galego
Trátase dunha das actividades da segunda edición de Mulleres de Palabra(s), enmarcada no Ateneo pola Igualdade, que se pechará o 17 de outubro cun acto para celebrar o Día das Escritoras
13/09/2026
A Deputación de Pontevedra pon en marcha este venres 18 de setembro, ás 20:00 horas, nos xardíns do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, unha nova actividade do programa Mulleres de Palabra(s), enmarcado no Ateneo pola Igualdade. A acción leva o título de “Escribir e cantar: a música das palabras” e nela participarán a poeta Antía Otero e a cantante e compositora Guadi Galego.
Na xornada terá lugar unha conversa sobre o proceso de creación e os temas que tanto Otero como Galego abordan coa súa palabra poética e feita canción. Deste xeito, haberá un recitado de Antia Otero e música en directo da man de Guadi Galego, en acústico. A entrada para desfrutar desta actividade no Palacete das Mendoza é libre ata completar a capacidade.
Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra que chega neste 2026 á súa segunda edición e na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Así, o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas, recitais e obradoiros. Como novidade, ademais, nesta edición lanzouse unha biblioteca ambulante a disposición dos centros escolares da provincia.