A Deputación programa este domingo dúas actuacións das bandas Treixadura e Habelas Hainas en Ponte Caldelas e Barro no marco do programa +Música

Habelas Hainas actuarán no Parque da Natureza do río Barosa ás 19:00 horas, mentres que Treixadura será un dos pratos fortes das Festas das Dores de Ponte Caldelas, actuando na Praza Frei Antonio Orge ás 21:00 horas

27/08/2026

A Deputación de Pontevedra programa este domingo 30 de agosto dúas actuacións nos concellos de Barro e Ponte Caldelas no marco do programa +Música, unha iniciativa coa que a Deputación colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. En Barro, o público poderá desfrutar do espectáculo de Habelas Hainas no parque da Natureza do río Barosa ás 19:00 horas, mentres que en Ponte Caldelas, no marco da programación da Festa das Dores, será a quenda da banda Treixadura na Praza Frei Antonio Orge ás 21:00 horas.

Habelas Hainas é un grupo de música de raíz, nacido en Santiago de Compostela no ano 2010, que destaca por fusionar a tradición musical galega cunha perspectiva feminista e social, ofrecendo un son fresco, enérxico e con composicións orixinais. Os catro músicos que o compoñen ofrecerán un concerto que, desde unha ollada feminista e social, explorará outras músicas, experimentará coa tradición e creará un son propio.

Treixadura será un dos pratos fortes das Festas das Dores de Ponte Caldelas. A banda presenta “Portalén” o seu novo traballo discográfico, un espectáculo único que combina o canto e a gaita, elevando a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Fieis á súa esencia, durante toda a súa traxectoria teñen rescatado melodías do anonimato, creando novas composicións e compartindo a forza evocadora do canto colectivo.

No marco de +Música, entre os meses de maio e decembro estanse a celebrar 93 actuacións en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.