A Deputación leva este sábado a Fornelos de Montes o programa +Música cunha actuación de Milladoiro no marco das Festas de San Lourenzo e Santo Cristo

O grupo actuará na Praza da Igrexa ás 23:30 horas no marco de +Música, o programa provincial dotado este ano con 700.000 € para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

03/08/2026

A Deputación de Pontevedra programa este sábado 8 de agosto en Fornelos de Montes un concerto de Milladoiro enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza da Igrexa ás 23:30 horas, dentro da programación de actividades das Festas de San Lourenzo e Santo Cristo de Fornelos de Montes.

Milladoiro leva máis de 40 anos percorrendo espazos e xeografías intentando atopar a beleza detrás de cada pentagrama, coa memoria do país e a pobreza socio-ambiental moi presentes. O grupo subirase ao escenario en Fornelos de Montes para facer un percorrido polos seus temas máis emblemáticos, así como para presentar as cancións do seu disco “Atlántico”.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.