A Deputación leva este domingo 12 de xullo ata As Neves un concerto de Luar na Lubre
O espectáculo terá lugar na praza Maior ás 22:30 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
11/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 12 de xullo ata As Neves un concerto de Luar na Lubre enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na praza Maior ás 22:30 horas.
Luar na Lubre leva corenta anos interpretando, desenvolvendo e divulgando a música e a cultura de Galicia. O seu repertorio está baseado nas música de raíz, abordadas desde o respecto, pero cunha perspectiva de modernidade. Ao longo da súa traxectoria publicou 20 traballos discográficos, vendeu máis de 350.000 exemplares, recibiu dous discos de ouro e nove premios da música. O pasado ano foi galardoada coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia. No concerto das Neves, Luar na Lubre repasará os fitos da súa discografía e presentará novas pezas creadas para celebrar o seu corenta aniversario.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
