A Deputación leva este venres 3 de xullo a Pontecesures os concertos de Habelas Hainas e de Xosé Lois Romero e Aliboria

Os espectáculos terán lugar na Prazuela ás 21:30 e ás 23:00 horas respectivamente e enmárcanse en +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

29/06/2026

A Deputación de Pontevedra leva este venres 3 de xullo a Pontecesures os concertos de Habelas Hainas e de Xosé Lois Romero e Aliboria, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na Prazuela ás 21:30 e ás 23:00 horas respectivamente.

Habelas Hainas é un grupo de música de raíz nacido en Santiago no 2010, que destaca por fusionar a tradición musical galega cunha perspectiva feminista e social, ofrecendo un son fresco, enérxico e con composicións orixinais. Pola súa banda, Xosé Lois Romero e Aliboria son uns grandes renovadores da música de raíz e folk. Nos seus proxectos presentan temas tradicionais e innovadores, que xiran arredor do canto tradicional feminino e da percusión tradicional mesturada coa vangarda e o contemporáneo.

Estes dous espectáculos son dúas das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.