A Deputación leva este sábado 25 de xullo ata Baiona, Redondela e O Rosal concertos de Treixadura, Dakidarría e De Ninghures

A praza do Concello de Baiona acollerá a partir das 22:30 horas o concerto de Treixadura, o paseo marítimo de Chapela, en Redondela, a partir das 23:45 horas o concerto de Dakidarría e a praza do Calvario do Rosal a partir das 22:30 horas o concerto de De Ninghures

23/07/2026

A Deputación leva este sábado 25 de xullo un concerto de Ensemble Groba ata O Grove no marco do programa provincial +Música

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 25 de xullo ata Baiona, Redondela e O Rosal concertos de Treixadura, Dakidarría e De Ninghures no marco da nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A praza do Concello de Baiona acollerá a partir das 22:30 horas o concerto de Teixadura, o paseo marítimo de Chapela de Redondela a partir das 23:45 horas o de Dakidarría e a praza do Calvario do Rosal a partir das 22:30 horas o da banda De Ninghures.

Treixadura presenta “Portalén” o seu novo traballo discográfico, un espectáculo único que combina o canto e a gaita, elevando a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Fieis á súa esencia, teñen rescatado melodías do anonimato, creando novas composicións e compartindo a forza evocadora do canto colectivo. En Baiona ofrecerán unha experiencia emocionante que converte o público no protagonista do concerto.

Pola súa banda Dakidarría é un dos grupos referente nos festivais musicais galegos, contando cun gran número de seguidores que cantan e desfrutan en cada concerto. Tras máis de vinte anos de traxectoria, o grupo recala en Redondela para ofrecer un espectáculo no que fusiona diversos estilos musicais coma o rock, o ska, o reggae ou o hip-hop. A súa posta en escena conta con múltiples efectos audiovisuais que non deixará indiferente a ninguén.

De Ninghures é unha banda do novo folk galego con instrumentos orgánicos e un repertorio tradicional con claras influencias das músicas doutros pobos da península ibérica, a América latina ou o Magreb. A formación ofrecerá unha experiencia musical auténtica que enraíza a tradición galega cunha perspectiva global, moderna e actual.

Estes espectáculos son tres das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.