A Deputación leva este domingo 19 de xullo un concerto de A Banda da Loba ata Salceda de Caselas no marco do programa provincial +Música
A actuación terá lugar ás 22:30 horas na praza do Concello e enmárcase neste programa provincial que está dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
16/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 19 de xullo un concerto de A Banda da Loba ata Salceda de Caselas enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar ás 22:30 horas na praza do Concello.
A Banda da Loba está a regresar aos escenarios con forza para presentar o seu novo traballo, “Lovismo”. Sen abandonar o seu característico estilo caleidoscópico, fala dos diferentes tipos de amor a través da bachata, do pop ou da música disco, sen deixar de lado a inspiración literaria que sempre reivindican. A banda actualmente está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
Este concerto é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
