A Deputación destina 35.000 euros para que o Concello de Vilagarcía de Arousa implante redutores de velocidade en vías municipais

Trátanse de recursos do Plan +Provincia que destina a Vilagarcía de Arousa 2,6 millóns de euros, sumando as catro liñas de 2026 e o adianto da liña de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente

30/07/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de preto de 35.000 euros para que o Concello de Vilagarcía de Arousa implante redutores de velocidade en varias vías municipais. Esta axuda enmárcase no Plan +Provincia, que destina a Vilagarcía de Arousa 2,6 millóns de euros, sumando as catro liñas de 2026 e o adianto da liña de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

A actuación será financiada integramente pola Deputación de Pontevedra e permitirá dar solución ás demandas formuladas pola veciñanza ao Concello de Vilagarcía de Arousa, que reclama unha maior seguridade nas vías municipais debido ao exceso de velocidade dos vehículos. Neste eido, instalaranse medidas de calmado de tráfico nas rúas San Marín e A Lagoa e no lugar do Piñeiro, en Sobrán; tamén na rúa Progreso, na Torre; na rúa Perrón, en Rubiáns; na rúa Veiga de Aldea, en Cea; e nas rúas Concha, Alejandro Cerecedo, Duque de Terranova e Manuel Antonio.

En liñas xerais, implantaranse redutores de velocidade tipo “lombo de asno” e pasos peonís elevados co obxectivo de mellorar a seguridade do tránsito peonil. Tamén se instalará sinalización horizontal e a vertical preceptiva, como a sinalización de lombo, de paso peonil e de situación de paso. No caso da rúa Alejandro Cerecedo, onde existe un paso de peóns elevado de formigón deteriorado, demolerase previamente para executar o novo. Pola súa banda, na rúa Manuel Antonio demoleranse as beirarrúas para a súa posterior posta en rasante co paso de peóns elevado proxectado.