A Deputación recibe este domingo un novo grupo de 140 cativos de 32 concellos nos campamentos da Lanzada
O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, visitou as instalacións e asistiu ás actividades de “Desafío rural” e ao obradoiro de elaboración de propostas para a que será a mascota e imaxe oficial dos campamentos na edición do próximo ano
15/08/2026
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra estanse a preparar para recibir a partir deste domingo 16 de agosto a novena quenda de rapaces que participará no programa, un total de 140 cativos de 32 concellos da provincia. O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, visitou esta semana as instalacións para comprobar de primeira man o desenvolvemento do programa, unha visita durante a cal puido compartir algunhas das actividades nas que está a participar a rapazada da oitava quenda.
Ao longo de seis días, ata o sábado 22 de agosto, os cativos que se incorporan a partir deste domingo poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Ata o 5 de setembro serán en total máis de 1.500 menores empadroados nalgúns dos concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións da Deputación proceden de Baiona (1), Bueu (3), Caldas de Reis (1), Cangas de Morrazo (2), A Caniza (1), Catoira (1), Cerdedo Cotobade (2), Gondomar (1), O Grove (1), A Guarda (1), Lalín (2), Marín (2), Meaño (2), Meis (8), As Neves (1), Nigrán (3), Oia (2), Pazos de Borbén (1), Poio (3), Ponte Caldelas (1), Ponteareas (4), Pontevedra (20), O Porriño (2), Redondela (1), O Rosal (3), Silleda (1), Soutomaior (4), Tui (7), Vigo (51), Vilaboa (1), Vilagarcía de Arousa (4) e Vilanova de Arousa (3).
Na súa visita ao campamento durante a oitava quenda, o deputado Jorge Cubela asistiu á actividade “Desafío rural”, na cal a rapazada constrúe cabanas no monte á vez que aprende sobre as especies florais da contorna, e tamén no obradoiro de creación de mascotas, con elementos naturais e reciclados. Cada quenda elabora unha proposta e na última quenda un xurado escollerá, entre todas elas, a que será a imaxe oficial dos campamentos do próximo ano 2027.
No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada desfruta dun completo programa de actividades deportivas, tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos…) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia), así como actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos ou baile, e realizan saídas e excursións a lugares como a praia da Lanzada e a illa de Ons.
