A Deputación de Pontevedra instalará unha pantalla xigante este domingo no centro de Vigo para animar a España na final do Mundial

Luisa Sánchez agradece o apoio que deron á selección as centos de persoas que seguiron a vitoria contra Francia: “Agora procuraremos a segunda estrela desde a Praza da Estrela”

15/07/2026

A Deputación de Pontevedra instalará unha pantalla xigante este domingo no centro de Vigo para animar a España na final do Mundial

A Deputación de Pontevedra instalará unha pantalla xigante este domingo, 19 de xullo, no centro de Vigo para que toda a cidade se achegue a animar á selección española de fútbol masculino na final do Mundial 2026.

Así o vén de anunciar a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, quen amosou o seu desexo de repetir o éxito acadado na final da Eurocopa 2024. “Daquela xa lle deramos sorte a Luis de la Fuente e os seus xogadores e celebraramos alí por todo o alto o título continental. Agora procuraremos a segunda estrela desde a Praza da Estrella. Para defendela en 2030 en España e, oxalá, en Vigo”, apuntou.

Luisa Sánchez agradeceu o apoio que brindaron á selección nacional as centos de persoas que se achegaron a gozar da “gran vitoria” de España ante Francia malia a escasa marxe de convocatoria. “Demostramos ser un gran equipo, un gran bloque”, sinalou.

A vicepresidenta da Deputación informou de que o ente provincial xa conta coa pertinente autorización da Autoridade Portuaria de Vigo para dispoñer da Praza da Estrela o domingo. Ademais, mostrouse confiada en recibir o visto e prace municipal grazas á tramitación xa avanzada para proxectar a semifinal deste martes.

“Seguimos animando a España na procura dese soño que ten todo o país e toda a cidade”, remachou.

audios