A Deputación aproba a lista das preto de 2.600 persoas que desfrutarán do programa de termalismo social +Benestar

Ante a gran demanda a institución provincial autorizou ampliar o crédito do programa ata os 253.000 euros permitindo que finalmente participen preto de 500 persoas máis das previstas inicialmente

24/08/2026

A Deputación de Pontevedra aprobou na última Xunta de Goberno a lista definitiva de persoas admitidas para participar na nova edición do programa de termalismo social +Benestar, unha iniciativa pensada para que os maiores de 55 anos da provincia desfruten de experiencias de envellecemento activo en establecementos hostaleiros tipo balnearios, talasous ou spas. Tras un aumento no seu crédito ata os 253.000 euros, aprobado en vistas ao altísimo número de solicitudes rexistradas durante o período de inscrición, finalmente serán 2.579 persoas as que participarán entre finais deste ano e principios do próximo 2027, preto de 500 prazas máis que as ofertadas inicialmente.

Deste xeito, participarán en +Benestar unha persoa de Agolada, 3 de Arbo, 45 de Baiona, 11 de Barro, 55 de Bueu, 37 de Caldas de Reis, 14 de Cambados, 10 do Campo Lameiro, 150 de Cangas de Morrazo, 6 da Caniza, 25 de Catoira, 36 de Cerdedo Cotobade, 24 de Covelo, 20 de Crecente, 6 de Cuntis, 57 da Estrada, 11 de Forcarei, 4 de Fornelos de Montes, 42 de Gondomar, 9 do Grove, 48 da Guarda, 28 da Illa de Arousa, 59 de Lalín, 7 da Lama, 95 de Marín, 49 de Meaño, 11 de Meis, 44 de Moaña, 26 de Mondariz, unha de Mondariz Balneario, 29 de Moraña, 71 de Mos, 9 das Neves, 99 de Nigrán, 10 de Oia, 13 de Pazos de Borbén, 58 de Poio, 13 de Ponte Caldelas, 31 de Ponteareas, 4 de Pontecesures, 340 de Pontevedra, 80 do Porriño, 10 de Portas, 168 de Redondela, 8 de Ribadumia, 5 de Rodeiro, 32 do Rosal, 46 de Salceda de Caselas, 23 de Salvaterra de Miño, 41 de Sanxenxo, 32 de Silleda, 42 de Soutomaior, 66 de Tomiño, 52 de Tui, 20 de Valga, 210 de Vigo, 33 de Vila de Cruces, 39 de Vilaboa, 41 de Vilagarcía de Arousa e 20 de Vilanova de Arousa.

+Benestar ofrece estancias de seis días e cinco noites (con entrada os domingos e saída os venres) nun establecemento termal para persoas empadroadas na provincia de 55 anos ou máis. No caso de non chegar a esta idade, deberán contar cunha discapacidade superior ao 65%, ser pensionistas ou ter acreditado a necesidade dun respiro familiar. Das 2.579 prazas adxudicadas, 2.552 están subvencionadas con 100 € por parte da Deputación, e outras 27 reserváronse para persoas en risco de exclusión, cunha subvención de 400 € sobre o custo total. Ao non cubrirse o total de prazas reservadas, o crédito dispoñible pasouse ao réxime xeral para permitir que máis persoas resultasen beneficiarias. +Benestar contaba inicialmente cun orzamento de 220.000 euros e ofrecía un total de 2.127 prazas.

Os participantes poderán escoller entre oito establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, O Grove e Lalín: Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Spa Galatea Hotel Novo Astur & Spa, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Norat Marina and Spa, Hotel Spa Norat O Grove e Talaso Hotel Louxo La Toja). Os prezos oscilarán entre os 275 e os 334 euros e, ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas), o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de hora e media ao día, tres tratamentos complementarios de balde, programación sociocultural e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra. As estancias terán lugar no último trimestre de 2026 ou no primeiro de 2027.