Luis López convida a “descubrir a provincia do deporte” coa asistencia ao Rallymix de Portas, que celebra esta fin de semana a súa quinta edición

O presidente da Deputación salienta a organización de eventos deportivos como unha das maneiras de dinamizar a vida social nos concellos e mellorar os servizos para a veciñanza

25/08/2025

Luis López na presentación da quinta edición do Rallymix de Portas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este luns na presentación da quinta edición do Rallymix de Portas, unha proba do campionato galego desta modalidade de automobilismo que se celebrará nesta vila a vindeira fin de semana. "Vivimos na provincia do deporte. En calquera recuncho, en calquera época do ano temos o privilexio de desfrutar dalgunha actividade deportiva. Pero o que aínda nos fai sentir máis orgullosos é que repartimos estes eventos, case todos de alcance internacional, por concellos de toda a provincia", afirmou o mandatario provincial, acompañado polo alcalde e deputado provincial Ricardo Martínez, na presentación desta competición que tivo lugar na bodega Terras de Lantaño.

A quinta edición do Rallymix de Portas é xa unha proba consolidada no calendario do campionato galego desta modalidade. Unha competición que cada ano medra en inscricións e espectadores e que demostra a estreita relación entre a provincia e o mundo do motor. Tanto é así que, segundo subliñou o presidente López, o campionato galego de Rallymix conta cun marcado aceno pontevedrés, pois catro das súas probas celébranse en concellos da provincia de Pontevedra: Portas, Ribadumia, Cuntis e A Estrada.

Neste sentido, Luis López sinalou que a programación de eventos deportivos tan seguidos como as probas de rallymix son tamén unha forma de colaborar cos concellos, mellorar a calidade de vida da veciñanza e facer fronte ao reto demográfico. "É moi necesario levar os mellores servizos e as mellores infraestruturas a todas as partes da provincia, pero o municipalismo tamén é programar eventos de interese xeral, tanto culturais como deportivos, en todos os concellos. E Portas non é unha excepción, ademais de todo o apoio que prestamos ao Concello a través de plans como o +Provincia ou o Plan Extra, tamén colaboramos en eventos extraordinarios como o festival Portamérica ou este Rallymix", explicou López.

Despois de recoñecer o traballo realizado polos integrantes da escudaría Portas Motor, do Concello e de todas as entidades e persoas que colaboran na organización desta competición, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación para prestar a máxima colaboración ao Concello de Portas e convidou "a toda a afección a que se acheguen a vindeira fin de semana a Portas para descubrir a provincia do deporte", concluíu Luis López.

Galerias de imaxes