A Deputación pecha o próximo mércores nas Neves a terceira colección de Aquí Faltan Páxinas cun faladoiro sobre a pioneira do cinema galego Cruz Risco

O faladoiro terá lugar o mércores 21 de outubro ás 19:00 horas no Mercado municipal da vila e contará con Xaime Varela e Maribel Outeriño como relatores

18/10/2026

A Deputación pecha o próximo mércores nas Neves a terceira colección de Aquí Faltan Páxinas cun faladoiro sobre a pioneira do cinema galego Cruz Risco

O Mercado municipal das Neves acolle o vindeiro mércores 21 de outubro, ás 19:00 horas, o último faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola institución provincial para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión a protagonista será a pioneira do cinema galego Cruz Risco. As persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer a súa traxectoria da man de Maribel Outeiriño e Xaime Varela que estarán acompañados da deputada de Igualdade, Paula Bouzós.

Cruz Martínez-Risco é unha figura clave do cinema galego que permaneceu moitas décadas silenciada. Filla de Vicente Risco, estudou Xornalismo en Madrid e formouse en Socioloxía e Dirección de Cinema na Universidade de París 8, onde coñeceu a un colectivo de cineastas como Elisabeth Aguirre, Pilar del Caz e Begoña Zanguitu que formaron con ela o Grupo 4 e coas que rodou o documental Por que marchamos. Cruz Risco tamén exerceu de técnica de son, guionista e colaboradora de directores como Iñaki Núñez ou Chano Piñeiro. A investigación que comeza a agromar arredor da súa figura revela unha muller moderna, culta, rebelde e libre, e unha das primeiras galegas que se tentou profesionalizar no cinema. Pioneira esquecida, empeza hoxe a recoller recoñecementos tardíos que iluminan a creación audiovisual feminina en Galicia.

A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, péchase co faladoiro de Cruz Risco. Ademais da cineasta, foron protagonistas desta edición do programa mulleres como as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez, Rita Fernández Queimadelos, Corona González, as mulleres do viño e a primeira parella feminina de policías locais da cidade de Vigo.