A Deputación destina preto de 30.000 euros ao Concello de Fornelos de Montes para a mellora da drenaxe e pavimentación en camiños da parroquia de Estacas
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello algo máis de 820.000 euros ao sumar 485.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 340.000 da liña de investimentos do 2027
11/08/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de 27.000 euros para que o Concello de Fornelos de Montes execute a mellora da drenaxe e a pavimentación en varios camiños da parroquia de Estacas. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello algo máis 820.000 euros ao sumar 485.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 340.000 da liña de investimentos do 2027.
No camiño do Couñago, no lugar de Couñago, executaranse dúas actuacións que se basearán no formigonado e encubado de cunetas actualmente en terra e profundas, transformándoas en cunetas transitables permitindo o cruce de dous vehículos. No camiño da Aldea, en Estacas, mellorarase o pavimento dunha chaira, actualmente en terras e pedra, pavimentándoa con formigón con fibra de vidro.
Por último, no camiño Vello a Ventín, en Bustelos, recolleranse as augas de baixantes e reixas e canalizaranse á cuneta que se formigonará para mellorar a evacuación de augas pluviais, transformándoa en cuneta transitable. Ademais, pavimentarase unha chaira, actualmente en formigón deteriorado, con formigón con fibra de vidro e instalarase un canal con reixa para recoller as augas pluviais e evitar que circulen polo camiño.