Rafa Domínguez pon en valor o traballo do Plan de Emprego da Cruz Vermella no seu 25º aniversario

04/06/2025

Rafa Domínguez pon en valor o traballo do Plan de Emprego da Cruz Vermella

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo en valor o traballo desenvolvido pola Cruz Vermella de Pontevedra ao abeiro do seu Plan de Emprego durante as conmemoracións do seu 25º aniversario, que tiveron lugar nas instalacións do Liceo Casino de Pontevedra na Caeira, en Poio. O vicepresidente asegurou que "desde a Deputación non podemos facer outra cousa que aplaudir esta iniciativa que busca mellorar a calidade de vida da cidadanía, creando oportunidades laborais arredor das profesións máis demandadas polo mercado laboral" e coa vista posta nas persoas de maior vulnerabilidade.

Domínguez, que lembrou a colaboración da Deputación coa Cruz Vermella con iniciativas como o programa "Conta con nós", asegurou que "somos conscientes de que, por desgraza, as persoas máis vulnerables son as que máis difícil teñen acceder ao mercado laboral malia ser as que o precisan con máis urxencia". Por este motivo o vicepresidente provincial puxo en valor "o traballo que facedes, así como o das empresas que ano a ano vos aliades a esta iniciativa, para chegar cada vez a máis xente e que a inserción laboral acade cotas altas para termos un territorio cohesionado, con dereitos e oportunidades para todas as persoas".