A Deputación de Pontevedra participa en Francia na sexta reunión de socios do proxecto BEAP-MAR e do Pill-5 para avanzar na bioeconomía azul

O proxecto, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, ten por obxectivo impulsar o desenvolvemento de novos produtos e aplicacións baseados en organismos mariños, promovendo solucións innovadoras con potencial para diferentes sectores

12/07/2026

A Deputación de Pontevedra participa en Francia na sexta reunión de socios do proxecto BEAP-MAR e do Pill-5  para avanzar na bioeconomía azul

A Deputación de Pontevedra asistiu en Quimper, Francia, á sexta reunión do consorcio BEAP-MAR e do Pill-5, na que se reuniron representantes de diferentes ámbitos do ecosistema azul do espazo Atlántico baixo o título “Avances na bioeconomía azul na Área Atlántica”. O proxecto BEAP-MAR financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, ten por obxectivo impulsar o desenvolvemento de novos produtos e aplicacións baseados en organismos mariños, promovendo solucións innovadoras con potencial para diferentes sectores.

As xornadas incluíron sesións nas que os participantes compartiron coñecementos e experiencias sobre temas clave como a investigación de vangarda e as aplicacións industriais en biotecnoloxía mariña. Tamén se presentaron solucións relacionadas coas macro e microalgas, a valorización da biomasa mariña e o aproveitamento de compostos bioactivos destinados á industria cosmética.

A Deputación de Pontevedra colabora neste proxecto conxunto coa Universidade de Santiago de Compostela, como socio español, mais tamén con socios de Portugal, como o Instituto Politécnico de Leiria e a Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade do Algarve; Irlanda, como a Galway University e o Innovation & Management Centre CLG T/A WestBIC WBIC, ou Francia, onde os socios son a Axencia Nacional de Seguridade Sanitaria da Alimentación, do Medioambiente e do Traballo e a Comisión de Enerxías Alternativas e Enerxía Atómica de Francia.

Galerias de imaxes