A Deputación reforza a súa colaboración coa Fundación Galicia Europa para achegar os recursos europeos á provincia

O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, mantivo unha reunión coa directora da Fundación, Ana Ramos, para avanzar novas liñas de cooperación trala incorporación da Deputación ao seu padroado e a posta en marcha do novos puntos Europe Direct

07/02/2026

A Deputación de Pontevedra busca reforzar a colaboración institucional coa Fundación Galicia Europa (FGE), trala incorporación da institución provincial ao seu padroado o pasado mes de xullo. O deputado de Fondos Europeos Javier Tourís e a directora da mesma área, Susana Fernández, mantiveron unha reunión coa directora da Fundación, Ana Ramos, e membros do equipo técnico, así como a subdirectora xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Mar Rodríguez Mediavilla.

Durante a reunión abordáronse distintas liñas de colaboración entre ambas entidades, destacando a posibilidade de cooperar a través do novo punto Europe Direct da Fundación Galicia Europa, concibido como unha ferramenta de referencia para achegar información, asesoramento e oportunidades da Unión Europea á cidadanía. Neste marco, abordouse á organización dunha xornada de asesoramento sobre recursos europeos dirixida á mocidade, coa finalidade de facilitar o acceso das novas xeracións a programas, iniciativas e oportunidades que ofrece Europa.

O deputado Javier Tourís puxo sobre a mesa as necesidades detectadas na provincia a través de diferentes actores, especialmente da mocidade, froito da súa presenza directa e continuada nos 61 concellos. Estas achegas permitirán orientar accións máis adaptadas á realidade local e mellorar a conexión entre as políticas europeas e as demandas da cidadanía. Desde a Fundación Galicia Europa destacouse positivamente a capacidade da Deputación para mobilizar colectivos estratéxicos, así como a súa ampla implantación local, que lle permite identificar con maior precisión as necesidades reais da poboación e achegar Europa á provincia.

Galerias de imaxes